|
Nacións Unidas, fronte á gravidade e urxencia
dos problemas aos que se enfronta hoxe a humanidade, instituíu
unha Década da Educación para o Desenvolvemento Sostible
(2005-2014) e designou á UNESCO como o órgano responsable
da súa promoción. O manifesto que presentamos constitúe
un chamamento a participar decididamente nesta importante iniciativa.
http://www.oei.es/decada/.
Compromiso
Por unha educación para a sostinibilidade
Vivimos unha situación de auténtica emerxencia
planetaria, marcada por toda unha serie de graves problemas
estreitamente relacionados: contaminación e degradación
dos ecosistemas, esgotamento de recursos, crecemento incontrolado
da poboación mundial, desequilibrios insostibles, conflitos
destrutivos, perda de diversidade biolóxica e cultual, etc.
Esta
situación de emerxencia planetaria aparece asociada a comportamentos
individuais e colectivos orientados á procura de beneficios
particulares e a curto prazo, sen atender ás súas
consecuencias para os demais ou para as futuras xeracións.
Un comportamento froito, en boa medida, do costume de centrar a
atención no máis próximo, espacial e temporalmente.
Os educadores/as, en xeral, non estamos prestando suficiente atención
a esta situación pese aos chamamentos como os de Nacións
Unidas nos Cumios da Terra (Río 1992 e Johannesburgo 2002).
É preciso, por iso, asumir un compromiso para que toda a
educación, tanto formal (dende a escola primaria á
universidade) como informal (museos, media, etc.), preste sistematicamente
atención á situación do mundo, co fin de proporcionar
unha percepción correcta dos problemas e de fomentar actitudes
e comportamentos favorables para o logro dun desenvolvemento sostible.
Trátase, en definitiva, de contribuír a formar á
cidadanía conscientes da gravidade e do carácter global
dos problemas e preparados para participar na toma de decisións
axeitadas.
Propoñemos por iso o lanzamento da campaña Compromiso
por unha educación para a sostibilidade. O compromiso,
en primeiro lugar, de incorporar ás nosas accións
educativas a atención á situación do mundo,
promovendo entre outros:
- Un consumo responsable, que se axuste aos tres R (reducir, reutilizar
e reciclar) e atenda ás demandas do "comercio xusto";
- A reivindicación e impulso de desenvolvementos científicos
favorecedores da sostibilidade, con control social e aplicación
sistemática do principio de precaución;
- Accións sociopolíticas en defensa da solidariedade
e a protección do medio, a escala local e planetaria, que
contribúen a poñer fin as desequilibrios insostibles
e as conflitos asociados, con unha decidida defensa da ampliación
e xeneralización dos dereitos humanos ao conxunto da poboación
mundial, sen discriminacións de ningún tipo (étnicas,
de xénero, etc.);
- A superación, en definitiva, da defensa dos intereses
e valores particulares a curto prazo e a comprensión de
que a solidariedade e a protección global da diversidade
biolóxica e cultural constitúen un requisito imprescindible
para unha auténtica solución dos problemas.
O compromiso de multiplicar as iniciativas para implicar ao conxunto
dos educadores/as, con campañas de difusión e concienciación
nos centros educativos, congresos, encontros, publicacións,
etc. e o compromiso dun seguimento coidadoso das accións
realizadas, dándoas a coñecer para un mellor aproveitamento
colectivo.
Chamamos así a sumarnos decididamente ás iniciativas
da Década de Educación para o Desenvolvemento Sostible,
que Nacións Unidas promove de 2005 a 2014.
(http://www.oei.es/decada/)
Educadores/as pola sostibilidade
|